Democratizar a creación ou democratizar o criterio.
Tras tres anos traballando con proxectos web subvencionados, recoñezo o patrón en canto o vexo.
Unha empresa que non quere quedar fóra da oportunidade. Unha web feita por compromiso, non por convicción. Entregada, pagada e esquecida nun par de meses. Sen mantemento. Sen estratexia SEO. Sen obxectivos a longo prazo. Sen seguridade. E o máis importante: sen intención nin criterio real por parte de quen a encarga.
Non son webs. Son trámites con dominio propio. E por estar aí, indexadas e abandonadas, non fan máis que sumar ao vertedoiro.
Agora estou a ver o mesmo patrón de volta, con nova enerxía e novas ferramentas.
Quero deixar algo claro antes de continuar: son o primeiro que me subo ao hype da IA. Penso que aínda non somos conscientes do alcance real do que estamos vivindo nin do que está por vir. As ferramentas actuais —e as que van chegar— van cambiar de forma profunda como se crean webs, como se deseña e como traballa o sector. Non o nego nin o temo.
Pero precisamente por iso, o que me preocupa non é a tecnoloxía. É o uso que se vai facer dela co mesmo pensamento de sempre.
O vibe coding permite xerar webs completas en poucas horas, sen tocar unha liña de código, con resultados visualmente decentes. Accesible para calquera. Rápido. Barato. E coa mesma enerxía de “por non perder a oportunidade” que xa vimos antes.
O problema é coñecido: democratizar a creación non significa democratizar o criterio.
Unha web sen estrutura SEO pensada, sen seguridade mínima, sen arquitectura de contidos e sen visión de mantemento non é un activo. É un pasivo con boa portada. E iso non o resolve un prompt, por moi ben formulado que estea.
O que realmente vai marcar a diferenza neste novo escenario non é quen sexa capaz de xerar máis rápido. É quen sexa capaz de facer o exercicio de distinguir entre ferramenta e intención. De entender para que serve o que está construíndo, para quen, e con que obxectivo real a longo prazo.
As empresas e profesionais que saquen rédito desta revolución non van ser os que usen máis IA. Van ser os que teñan criterio para usala ben.
O vertedoiro vai medrar. A pregunta é se o que construímos vai acabar nel.


